A CIENCIA QUE NOS RESCATOU DA PANDEMIA.

XERAIS, 2023

https://www.xerais.gal/libro.php?id=6895441


Quen quere escoitar da COVID outra vez cando todo o mundo xa a deu a pandemia por rematada? Precisamente porque a memoria é feble, cómpre non esquecer os feitos e tentar sacar unha aprendizaxe acordándonos do que se fixo ben porque non sabemos cando teremos que aplicar estas medidas de novo. A implementación das políticas pouco comprometidas coas evidencias científicas non nos rescatou da pandemia, foi a ciencia que aflorou grazas ao esforzo global e o apoio necesario. Precisaba facer balance do vivido e quixen escribir unha guía das fortalezas que me publicou Xerais: ConSciencia: A ciencia que nos rescatou da pandemia. Neste libro recollo as investigacións científicas que nos axudaron e seguen axudando a saír do impacto dun virus que dobregou a humanidade. Non só nos enfrontamos a unha pandemia, tamén a unha infodemia de falsas novas que provocaron escepticismo nas vacinas, nos tratamentos, nas máscaras ou mesmo no propio virus. Aflorou moito lixo na sociedade onde as persoas máis débiles foron as máis afectadas. Sen dúbida vivimos un fito histórico que nos deixou pegada. Levou moitas vidas deixando orfos, viúvas ou nais sen fillos. Causou un dano socioeconómico tremendo e puxo de relevo as debilidades dos sistemas de saúde. A herdanza da pandemia é a covid persistente, da que aínda seguimos a investigar os síntomas, bos diagnósticos ou terapias. Se algo quedou claro é que sen a ciencia aplicada a conciencia, o custo de saír da pandemia sería moito maior.

Aprendemos moito e hai que usalo para afrontar o futuro que veña e evitar cometer os mesmos erros. Da importancia da boa alimentación e do exercicio que reforcen a inmunidade e protexan a saúde mental. Deberíanse de seguir coa vixilancia epidemiolóxica das augas residuais para estar alerta da presenza de calquera enfermidade infecciosa na comunidade e así tomar medidas de control e prevención axeitadas. Comezar a usar a medicina de precisión e personalizada para aplicar tratamentos acorde co xénero, a idade, a raza, a xenética ou a microbiota de cada quen. Nos vindeiros anos, chegarán por fin os tratamentos para enfermidades neurolóxicas e para certos cancros que agora non teñen cura aplicando a ferramenta da nanomedicina, tal e como se fixo coas vacinas de ARN contra o covid. Nos edificios filtrarase o aire ou usarase a ventilación natural ou mecánica para evitar contaxios en interiores moi concorridos, e o teletraballo será algo máis habitual para mellorar a produtividade laboral. Aplicarase a intelixencia artificial á práctica clínica para evitar os erros de diagnóstico, cirurxías ou tratamentos. Pensaremos nunha sociedade comprometida que aplica o coñecemento científico e os avances tecnolóxicos a conciencia afrontando os desafíos que realmente nos afectan para a mellora da nosa saúde e calidade de vida.